por
ANXO GONZÁLEZ GUERRA
Xefe do Departamento de Galego do Instituto Sánchez Cantón de Pontevedra
Asistimos hoxe ao nacemento dunha nova criatura e temos que felicitarnos todos os presentes, mellor temos que felicitar á nai da criatura, a Alba, por este novo ser e por ser o seu padriño e prologuista un dos máis respectados escritores galegos, nada menos que Xosé Luís Méndez Ferrín. En primeiro lugar podémonos preguntar se foi unha xestación moi longa.. Alguén pode pensar: vaia, son cousas da Alba, agora que se xubilou abúrrese e dálle por escribir e pintar.. Pois erra, algúns dos presentes somos testemuñas das moitas voltas que leva dado este libro, das sucesivas versións e correccións, das pelexas de Alba cos ordenadores, da cantidade de horas que leva investido nel desde hai ben anos.. Pero, a verdade, pagou a pena, xa o verán cando o lean.
En segundo lugar podemos preguntarnos polos devanceiros desta criatura, se ten algún ADN coñecido. Pois si. En 1985, hai 26 anos, Caixa Ourense publicaba Contos e lendas da Limia Baixa. O autor era Euloxio Paz, o pai de Alba. O libro comeza cun fermoso consello aos lectores: “non precures neste libro outra cousa que pasar o tempo”. E pásase ben o tempo coa fala, os costumes e as teimas das xentes limegas. Eran xa persoas adiantadas á actual campaña contra o tabaco. No segundo conto alguén pide un cigarro… e o conto segue así:
abriu a cigarreira e o primeiro que vin foi un retrato dunha muller que eu non coñecía.
- E logo é a túa muller? Preguntei dubidoso
- Non, oh, é a miña sogra. Respondeu.
- E quéreslle tanto para traela aquí dentro?
E el respondeu: É pra non fumar
Di o refrán que “o que se herda non se compra” e xa vemos que neste caso con Alba non se equivoca. Ademais cada xeración debe mellorar a anterior, é lei de vida. Dos Contos e lendas da Limia Baixa pasamos aos Contos e lendas da Lanzada (vexan a homenaxe xa no título).. Da montaña ao mar, sempre os de Ourense invadindo as nosas praias.. Pero neste caso benvida sexa a ourensá, porque canta, revaloriza e converte en personaxes de ficción as xentes do Grove e de Sanxenxo, cuxa toponimia inza o libro: Monte Cabo, Aios, Outeiriño, San Vicente, Noalla, Foxos, o Soutullo, o cabo da Lapa, o con de Arbón, monte Sidadella…
Porque todo este libro é unha homenaxe sentida á xente destes pobos. Alba asentou en Noalla e soubo enraizar ben alí, comprender aquel mundo, meterse entre as persoas e escoitalas, escoitalas para aprender delas. Pero hai un segundo paso que é transformar todo iso que ela foi recollendo en literatura, en contos que nos axudan a pasar o tempo (como dicía seu pai) pero ben escritos, con humor e con xeito. Alba naceu na ourensá rúa da Paz na que vivían nada menos que D. Ramón Otero Pedraio e D. Vicente Risco. Algo se lle debeu pegar.
E falando de escritores galegos, vexamos en terceiro lugar cales son os novos parentes que agora ten este libro na nosa literatura.
Cando no limiar lemos: ó ancián tío Antón, outrora gran animador e comunicador, na súa vellez ninguén o escoita, agás a súa defunta muller. lembramos Se o vello Sinbad volvese ás illas do mestre da imaxinación Álvaro Cunqueiro.. Nesta novela tamén o mariñeiro Sinbad anda xa vello polas tabernas contando as súas aventuras e ninguén llas cre, só lle fai caso o seu criado Sari. Cunqueiro e Alba homenaxean o mar e os mariñeiros, pero sobre todo a fantasía e a arte de contar claro, ben e seguido, coma no conto oral. Ese conto oral que inspira Á lus do candil, de Ánxel Fole, aínda que nas terras montesías do Incio e do Courel, mais coincidindo nos temas con este libro: as lendas, as historias, os milagres, as supersticións.. E como tamén facía D. Álvaro en Os outros feirantes, na galería de personaxes mestúranse homes a animais que son tratados polo narrador coma se fosen homes: o can Bule que convida os amigos a comer ou o xabaril que se mete na cama do hotel. E xa non digamos o burro que fuma e toma licor café. Talmente o cabalo Cheval ou o corvo Vicente de D. Álvaro.
Ramón Cabanillas puxo o Rei Arturo a camiñar polo Cebreiro, Alba acomoda na Lanzada o mito da Atlántida, o rapto de Europa e o touro, o Ciclope. El versificou a lenda da Franqueira, Alba no seu mellor conto adaptou a lenda do bico na Lanzada.
Por outra banda estes relatos están na mellor tradición dos nosos primeiros narradores do s. XIX e principios do XX, como os Contos de Asieumedre de Lugrís Freire (a quen lle dedicamos as Letras Galegas este ano) ou Beira do Lar de Pérez Placer. O conto serve para nos ir achegando a retranca do paisano, o léxico enxebre que se lles explica aos estranxeiros veraneantes que falan en castelán; o tío Antón e o seu compadre vannos soltando unha restra de refráns e fraseoloxía do lugar.
Rafael Dieste, un dos nosos mestres do conto, deixou escrito o seguinte: O remate é unha imaxe que fai estoupar o conto nas verbas derradeiras, despois de inzalo poderosamente. Este estralo final de foguete conségueo moi ben Alba grazas en parte á figura do compadre que sempre ten a frase axeitada, a ironía, o humor para deixarnos con ese agradábel sabor de boca do conto ben feito.
Estamos hoxe neste edificio do Café Moderno con moitas resonancias literarias, aí fóra acompáñanos o mellorciño da nosa literatura, o mesmo que o Café Voltaire de Ourense onde se reunían Vicente Risco e os seus amigos. Este noso libro de contos vai elevar tamén á categoría literaria na literatura galega a un novo tipo de local de reunións, un chiringuito de praia. Si, o máxico chiringuito da Lanzada dese singular Arturo vaise converter no centro dos relatos porque é alí onde se xuntan os personaxes e van saíndo as historias. Resulta que ese verán chovía decote e a xente mataba o tempo cos contos do tío Antón na praia. Na Limia Baixa que cantou Euloxio Paz, as historias xurdían ao lume da lareira nas noites de inverno. Aquí nas Rías Baixas xorden dentro do chiringuito no verán, son outros tempos.
Así o libro transfórmase nun monumento máis da paisaxe da Lanzada. Mais, a Deus grazas este non é un dos abondosos exemplos de feísmo que estragan a nosa terra. Non, élles fiel á lingua, os costumes e a forma de ser da xente que non está vista cos ollos do turista madrileño con aires de superioridade ou do indiano que volve rico e desleigado. Non, neste caso a autora integrouse na paisaxe, no mundo da Lanzada e convérteos no seu mundo mítico, no seu pequeno Macondo, na súa nova Auria. Un mundo tan marabilloso que rapaces, vacas e ovellas bailaban todos a lambada ao mesmo ritmo movendo o lombo para diante e para atrás. E tamén este fragmento dun inesquecíbel e soñado carnaval do mar: Oíase unha música suave que espertaba as cousas, pouco a pouco íase animando todo. Unha orquestra de peixes tocaba: os xurelos eran os gaiteiros, as ameixas tocaban a pandeireta, os croques os pratiños, un barbo o pandeiro, un sanmartiño o bombo e o batería era un longueirón. Toda unha festa de máxicos seres do mar: a serea, o golfiño, o polbo, o marraxo, todos humanizados. Neste máxico Noalla non faltan nin os Elfos do Señor dos Aneis.
Cando lean Contos e lendas da Lanzada, verán que asoallar é tomar o sol, pórse á raxeira. Cando este verán vaiamos á praia nesta nosa fermosa ría. Para que ir a outra tendo esta marabilla? Imos levar Contos e lendas da Lanzada e debaixo do paraugas ou á sombra do chiringuito, que mellor cousa para pasar ben o tempo (como dicía o pai de Alba) que poñernos a ler e mesmo á hora da sesta deixarnos levar pola soneca e soñarmos meténdonos a nós mesmos nestas historias. Porque “o home precisa en primeiro lugar, coma quen bebe auga, beber soños”, en palabras de Cunqueiro. Podemos acompañar os normandos nas súas correrías, asistir á chegada de Virxe na barca de pedra ata a ermida que vemos na portada do libro, escoitar as campás da cidade asolagada de Lambriaca, darnos o baño das nove ondas e moitas cousas máis.
E tamén podemos aprender moito. Por que debemos ter tanto coidado cos andeiros? Que significa a palabra Salnés? Por que hai demasiados corvos e pegas na Lanzada? E Portonovo que ten que ver cun sunami? Como se cura o cuspe dun sapo?, que non hai médico que o cure. E o paxaro que vixía a praia, por que está aí?
Pois as respostas estanlles todas no libro. Non deixen de buscalas.
Tamén poden coñecer as supersticións que hai polo Salnés: as bromas da noite de san Xoán, os aquelarres das bruxas na praia das Areas Gordas, o meigallo, os perigos do mal de ollo, que sei eu…
Lean o libro de vagar, conto a conto, saboreándoo coma un viño con tempo. Nada de présas. Xa verán como lles presta. Como lles prestou a vida a unha parella de velliños dun dos contos. El foi mariñeiro e viu que nas Américas, igualiño que aquí, tamén había unha Lanzada, e unha Puntada, e unha Cruzada, e un San Salvador. Os velliños morreron coma andaran en vida, xuntos e abrazados. Unha banda de rulas acompañounos ao cemiterio, os paxariños vanlles cantar á lápida e os veciños lévanlles flores frescas á cruz cada día. Non me negarán que isto ten moito máis sentidiño ca tódolos programas do corazón de todas as teles. Coma esta hai varias historias de amor moi ben integradas no mar, na paisaxe.
Como profesor de literatura galega teño que darlle as grazas a Alba por convidarme a este bautizo dunha nova escritora en galego. Acaba de pasar o Día das Letras Galegas que celebramos desde 1963. Van 43 autores homenaxeados. Saben cantas mulleres? Pois empezamos moi ben, no 1963, Rosalía de Castro e anos despois Francisca Herrera Garrido, e ningunha máis; xa ven, só dúas mulleres e 41 homes. Mais, por fin nas últimas décadas está a xurdir nas nosas letras unha abondosa xeración de mulleres escritoras, xa era tempo. E na xeración máis nova a literatura xa é cousa de mulleres. Este venres acompañaremos a unha alumna a recoller un premio de narrativa en Santiago, había oito premios e os oito foron para rapazas. Pois mercé a Contos e lendas da Lanzada, Alba pasa a formar parte da mellor xinea de mulleres escritoras galegas: Pura e Dora Vázquez, Marica Campo, Lupe Gómez e tantas outras.
Como profesor de lingua galega tamén me alegro ao ler estas historias da Lanzada. Hai moito léxico interesante. Topamos con abocañar (mellorar o tempo) acañado, alto coma unha taloira, paxarome (ultralixeiro).
O galego aprendeuno a autora de nena nas terras limegas e tamén o portugués cando a súa avoa a levaba tomar os baños a Viana do Castelo e a meniña volvía falando un portugués cheo de sutaque. Logo estudou outras linguas e mesmo ten un libro sobre fonética escrito en inglés que foi publicado polas universidades de Oxford e Santiago.
Ademais aquí fixo o esforzo de recrear a variante galega do Salnés e poñela na boca de toda unha rea de personaxes curiosos. Como o Tolo da Carola que lía O Capital de Marx e a Tagore e que nos conta a súa primeira confesión: O cura preguntoume se cometía actos impuros, como eu non entendía a palabra, dixo deshonestos, coidei que era roubar, e como algúns melóns afanabamos para comer … díxenlle que si, entón preguntoume cantas veces, eu díxenlle dúas, parecéronlle poucas e insistía en que lle dixese a verdade, así que para contentalo aumentei a catorce, entón preguntoume se só ou acompañado, eu pensei, para quedar mellor voulle dicir a metade só e as outras sete con outros. Entón armouse a marimorena…
Finalmente gustaríame que reparen nas descricións dos animais (unha donicela coa súa bata de pel lustrosa castaña e branca.. saíu do escondite) e nas dos personaxes ao comezo dos relatos. Escoiten como é o Tío Antón, quen nos vai acompañar durante toda a lectura:
Este lobo de mar é forte e rexo coma un carballo; nembargantes ten un corazón brando; anque rudo é tenro, algo soñador e romántico. As orellas abucinadas; a faciana dourada pola brisa do mar ten as enrugas contrapeadas coma os sucos das nosas veigas; o nariz basto parece sen rematar; os ollos da cor do mar, ora azuis, verdes, pardos, aceirados… segundo que haxa temporal ou estea calmo; coma os peixes ten o pescozo curto e pouco marcado.
Curiosa simbiose co mar a deste home.
No limiar dise que as historias presaxian un tráxico final, será certo? Vostedes dirán, pero non esquezan que por moi negro que todo pareza sempre a solidariedade, a axuda dos demais pode cambiar o panorama.
Máis nada,
Parabéns Alba, polos Contos e lendas da Lanzada, xa ves que a criatura che saíu riquiña!
Pontevedra, 29 de maio de 2006-05-29
Anxo González Guerra